23 agosto 2006

POR UNHA NOIA ANTITAURINA

En Noia, é non se sabe debido a qué, sobrevive coma un fósil podre e rancio unha inxustificada e absurda “tradición” taurina. Un costume que non garda ningún tipo de relación coa cultura galega e o modo de ser dos galegos e galegas de hoxe. Probablemente a festa nacional fora unha medida efectiva para combati-lo aburrimento da clase burguesa española de finais do XIX e comezos do XX. Unha sociedade machista sen apenas valores morais, culturais ou sociais, que actuaba tan só movida, ao igual que o mundo de hoxe, polo interese económico e o capitalismo, nunhas circunstancias favorábeis grazas á Revolución Industrial.
Son moitas as pallasadas que se escoitan arredor da “festa nacional”. Bobadas como que o touro de lidia sería unha raza extinguida hoxe en día se non se celebraran festivais taurinos. Para empezar, o touro de lidia non ten uns caracteres morfolóxicos propios transmitibles xenéticamente, polo tanto non pode ser clasificado como unha raza, senón que constitue unha poboación bovina heteroxénea pertencente a diversas pseudorrazas de Bos Taurus, coa característica frecuente de manifestaren unha agresividade instintiva cando son provocados ou acosados. Esta agresividade, á que chaman “bravura”, non se perpetua de xeración en xeración, senón que a maioría dos touros carecen dela, segundo denuncian os propios afeccionados. Nin sequera o propio Regulamento de Espectáculos taurinos os describe, limitándose a prohibir que se lidien reses que non estén inscritas no Rexistro de Empresas Gandeiras de Reses de Lidia. Pero se hai xente inorante que di que o touro sobrevive grazas a que a súa morte é un espectáculo, sacrifiquemos tamén nas prazas aos linces ibéricos, ao osos panda e a todas esas especies polas que numerosas asociacións ecoloxistas loitan para salvaren da extinción. Unha gran idea.
O macabro “espetáculo” conta cun número de alabadores importante, pero hai unha porcentaxe moito maís alta de detractores (segundo datos de enquisas como a realizada por Gallup no 2002 que desvela que preto do 70 por cento está en contra ou non mostra interese algún) Aínda así a festa sobrevive apoiada polos concellos, os gobernos centrais e incluso pola Unión Europea a través de axudas económicas.
Pero que ocorre cando se fala na prensa, por exemplo, de pelexas clandestinas de cans de presa? A reacción é de alarmismo total. Unha reacción moi distinta á que teñen respecto ao tema dos touros: pasividade absoluta.
A evidenciada e descarada complicidade política salta á vista. Impacta o feito de que Tratados como o de Kioto ou de Río, en teoría beneficiosos para a defensa do Meio Ambiente, continúen permitindo no mundo de hoxe que se torturen touros. De tódolos xeitos, aínda que o Protocolo de Kioto prohibira as corridas de touros celebraríanse igual, porque estes tratados non van máis alá de ser simples papelorios inútiles coa firma de catro políticos.
Hai demasiado interese económico na festa nacional como para que sexa considerada delito. Ao fin e ao cabo, todos somos fantoches nas mans desa forza cruel que nos move e á que chamamos capitalismo, responsábel de que no mundo viva xente moi rica, e malviva xente extremadamente pobre, de que haxa incendios, fame, guerras ou cambio climático, entre moitas outras desgrazas. Desgrazas que deixan ao mundo indefenso fronte a ese cancro cruel e inmoral que o vai deborando pouco a pouco.
Tanto permitindo como apoíando espetáculos tan degradantes, obsoletos, retrógradas e anticuados o único que conseguiremos será manter a unha sociedade anacrónica, intolerante, agresiva e violenta. Lograremos xestar actitudes machistas e de menosprezo cara a natureza e o meioambiente.
Sen dúbida algunha, a celebración de festivais taurinos non enriquece nin cultural nin moralmente aos membros dunha comunidade, polo tanto non existe motivo para manter con vida a esta tradición vergonzante, estandarte do máis puro sentimento españolista e memoria viva dunha España anacrónica.